31.7.06

Report PTQ Kobe Moaña

O pasado día 27 de xullo, tivo lugar na tenda “Más que Hobbies” de Moaña un torneo clasificatorio para o Pro Tour de Kobe (Xapón). Como non, os xogadores da comarca de Ferrolterra non quixemos desperdiciar esta oportunidade de baternos contra os mellores xogadores do norte peninsular, e xa de paso, pugnar polo convite ao ansiado Pro Tour.

Nun principio, ían ser 8 xogadores os que participariamos na expedición (Ernesto, Dani, Dani Teijeiro, Fernando, Nelson, Alberto, Roberto, e un servidor). Pero no último momento Dani Teijeiro, un dos nosos condutores, botouse atrás, deixando en terra a Ernesto e mais a Dani. Polo que finalmente a presenza de Ferrolterra no PTQ reduciríase a Nelson, Alberto, Fernando, Roberto e mais eu.

Entre as 7.00 e as 7.35, xa estabamos todos no coche de Alberto, e iniciamos unha incómoda viaxe cara Moaña (no asento de atrás estabamos Roberto, Fernando e mais eu, que non nos caracterizamos polo noso escaso volume). Durante o traxecto, e acompañados pola maxia do rock´n roll de AC/DC e Los Suaves, fomos comentando cales serían as cores máis xogadas, as cartas máis broken, e as nosas preferencias no formato. Pero non todo foi Magic, tamén mantivemos unha interesantísima charla musical. Alabamos a técnica de Alberto Cereijo (Los Suaves), e criticamos a irregularidade dos concertos do seu grupo, que dependen da cantidade de drogas que teña Yosi no sangue. Deste xeito, a viaxe fíxosenos máis amena, e ao cabo dun par de horas xa estabamos en Moaña.

Como ao chegar “Más que Hobbies” estaba pechada, fomos a tomar un café para facer tempo e seguir falando do noso xogo favorito. Finalmente, e a iso das 10, entramos no local onde tería lugar o evento. Xa daquela, os organizadores tiñan adaptadas as instalacións para que o torneo transcorrese da mellor maneira posíbel. Pouco a pouco, a xente foi chegando, e tras pagar os 20€ de inscrición, o torneo comezou.

Os 68 xogadores sentámonos nas nosas mesas correspondentes, e a organización deunos catro sobres de Rávnica: Cidade de Gremios, e un de Discordia. En circunstancias normais habería que xogar unha baralla sellada de Rávnica, un sobre de Pacto dos Gremios, e outro de Discordia; pero as tendas de todo o estado tiñan un grave problema de abastecemento.

Pese a estes contratempos, comezamos a abrir os sobres. Como todos vos saberedes, o que temos que facer é anotar as cartas que nos saen nuns impresos que nos da a organización, e logo entregarllos aos xuíces para que distribúan os lotes de cartas entre os demais xogadores. Deste modo evítanse posíbeis modificacións nas listas iniciais.

A partir deste momento, e tendo cada un as cartas das que podía dispoñer, comezou o período de construción do mazo. Polo que puiden ver, a maioría da xente inclinouse polo negro/verde/branco. O cal permitía xogar os gremios Golgari e Selesnya, ambos en Rávnica: Cidade de Gremios, e aproveitar ao máximo o potencial de cartas coma Pudrir, Último Suspiro, Misionera Selesnya, Destripar, ou Congregación al Amanecer.
Aproximadamente ás once e media da mañá comezaron as rondas do suízo. Un a un, os xogadores máis débiles foron caendo. Dous dos nosos representantes xa quedaron matematicamente fora do TOP 8 na 3ª ronda (Fernando e mais eu). Pero aínda tiñamos as nosas esperanzas postas en Roberto, Nelson e Alberto.

Finalmente, os dous primeiros quedaron lonxe do TOP 8 pero acadaron uns resultados aceptábeis quedando na metade da táboa. Sen embargo, a actuación estelar foi a de Alberto, que rozou os cuartos de final tras perder 2-1 na derradeira ronda. Unha mágoa porque podería ser o segundo xogador consecutivo de Ferrolterra que chega ao TOP 8 dun PTQ (lembremos a actuación de José Luís Carballeira no clasificatorio para Praga).

Xa de retirada, percibíase no coche unha mestura de sensacións de decepción polos resultados, conformidade cos cambios logrados, e un certo cansanzo. De tódolos xeitos, a viaxe de volta foi moito máis animada que a da ida, xa que nos adicamos a loar a organización e a profesionalidade de “Más que Hobbies” e a criticar o que menos nos gusta da nosa tenda habitual. Ademáis, aínda botamos unhas risas falando do mazo de soldados dun rapaz de Narón, e da súa extraña capacidade para que entre as 75 cartas que xogue sempre lle toque o que precisa. En fin, cousas da vida.

Chegamos a Ferrol sobre as once, xusto cando comezaba o ambiente do sábado noite. Polo que puidemos ver a numerosas rapazas que sostiñan a miña teoría de que en Ferrol hai unha raza superior de mulleres comparado con Narón. Pero, eu polo menos, estaba demasiado cansado para parar, e prefería ir a casa a ordenar o álbum de cambio e ver as novas cartas que conseguín.

Remataba así unha divertida xornada de magic chea de anécdotas e bos momento que lembrar. A única mágoa foi que non estivese acompañada de resultados, pero non se pode pedir todo.

Non me gustaría finalizar este report sen antes falar da excelente organización de “Más que Hobbies”, caracterizada polo trato excelente, pola profesionalidade, e pola eficacia. Se outras tendas tomasen exemplo desta, moito mellor lles iría. En fin, espero que vos gustase este texto que escribín para vos, e que non deixedes de visitar www.magicferrolterrra.blogspot.com .

Duarte

1 comentário:

Anónimo disse...

Wenas puntualizar un detalle tras las 3 primeras rondas Roberto tb habia perdido las 3 rondas y estaba sin posibilidades, pero como luego gano las 4 restantes la cosa quedo mejor de lo que parecia.